12

petapouca

Acolá enriba

Na fresca montaña,

Qu’ alegre se crobe

De verde retama,

Meniña morena

De branco vestida,

Nubiña parece

No monte perdida.

Que xira, que corre,

Que torna, que pasa,

Que rola, e mainiña

Serena se para.

 

Xa embolta se mira

N’ espuma que salta,

Do chorro que ferve

Na rouca cascada.

Xa erguida na punta

De pena sombrisa,

Inmoble cál virxe

De pedra se mira.

A cofia de liño

A os ventos soltada,

As trenzas descoida

Qu’ os aires espallan;

Tendídalas puntas

Do pano de seda,

As alas d’ un anxel

De lonxe semellan.

Si as brisas da tarde

Xogando con elas

As moven ca gracia

Qu’ un anxel tivera.

Eu penso ¡coitado

De min! que me chaman

Si as vexo bulindo

Na verde enramada,

Mas ¡ay! qu’ os meus ollos

M’ engañan traidores,

Pois vou, e lixeira

Na niebra s’ esconde,

S’ esconde outras veces

Na sombra dos pinos

E cant’ escondida

Cantares dulciños,

Qu’ abrasan, que firen,

Ferida d’ amor,

Que teño feitiña

No meu corazon.

 

Que feita, que linda,

Que fresca, que branca

Dou Dios á meniña

Da verde montaña!

Qu’ hermosa parece,

Que chore, que xima!

Cantando, sorrindo,

Disperta, dormida!

Ay! si seu pay

Por regalo ma dera,

Ay! non sentira

No mundo mais penas!

Ay! que por tela

Conmigo por dama,

Eu llá vestira,

Eu llá calzara.

License

Cantares Gallegos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado.