13

petapouca

Adios rios, adios fontes,

Adios regatos pequenos,

Adios vista dos meus ollos

Non sei cando nos veremos.

 

Miña terra, miña terra,

Terra donde m’ eu criey,

Ortiña que quero tanto,

Figueiriñas que prantey.

 

Prados, rios, arboredas,

Pinares que move ó vento,

Paxariños piadores,

Casiña dó meu contento.

 

Muhiño d’ os castañares,

Noites craras de luar,

Campaniñas trimbadoras

Dá igrexiña dó lugar.

 

Amoriñas d’ ás silveiras

Qu’ eu lle dab’ ó meu amor,

Camiñiños antr’ ó millo,

Adios para sempr’ adios!

 

Adios groria! adios contento!

Deixo á casa onde nacin,

Deixo á aldea que conoço,

Por un mundo que non vin!

 

Deixo amigos por estraños,

Deixo á veiga pó lo mar,

Deixo, en fin, canto ben quero…

¡Que pudera non deixar!…

 

* * *

 

Mais son prob’ e mal pecado,

A miña terra n’ é miña,

Qu’ hastra lle dán de prestado

A veira por que camiña

O que naceu desdichado.

 

Téñovos pois que deixar,

Hortiña que tanto amei,

Fogueiriña dó meu lár,

Arboriños que prantei,

Fontiña do cabañar.

 

Adios, adios que me vou,

Herbiñas do camposanto,

Donde meu pay s’ enterrou,

Herbiñas que biquey tanto,

Terriña que vos criou.

 

Adios Virxe d’ Asuncion,

Branca com’ un serafin

Lévobos no coraçon,

Pedídelle á Dios por min

Miña Virxe d’ Asuncion.

 

Xa s’ oyen lonxe, moy lonxe

As campanas do pomar.

Para min ¡ay! coitadiño

Nunca mais han de tocar.

 

Xa s’ oyen lonxe, mais lonxe,

Cada balada e un dolor,

Voume soyo, sin arrimo,

Miña terra, adios! adios!

 

Adios tamén, queridiña…

Adios por sempre quizais!…

Dígoch’ este adios chorando

Desd’ á veiriña do mar.

Non m’ olvides, queridiña,

Si morro de soidás…

Tantas legoas mar adentro…

¡Miña casiña! meu lar!

 

License

Cantares Gallegos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado.