15

petapouca

Airiños, airiños aires,

Airiños da miña terra,

Airiños, airiños aires,

Airiños, leváime á ela.

 

Sin ela vivir non podo,

Non podo vivir contenta,

Qu’ á donde queira que vaya,

Cróbeme un-ha sombra espesa.

Cróbeme un-ha espesa nube

Tal preñada de tormentas,

Tal de soidás preñada,

Qu’ á miña vida envenena.

Leváime, leváime airiños,

Com’ un-ha folliña seca,

Que seca tamen me puxo

A callentura que queima.

¡Ay! si non me levás pronto

Airiños da miña terra,

Si non me levás airiños

Quisais xa non me conesan.

Qu’ á frebe que de min come,

Vaime consumindo lenta,

E no meu corazonciño

Tamen traidora se ceiba.

 

Fun n’ outro tempo encarnada,

Com’ á color de sireixa,

Son oxe descolorida

Com’ os cirios d’ as igrexas

Cal si un-ha meiga chuchona

A miña sangre bebera;

Vóume quedando muchiña

Com’ un-ha rosa qu’ inverna.

Vóume sin forzas quedando,

Vóume quedando morena,

Cal un-ha mouriña moura,

Filla de moura ralea.

 

Leváime, leváime airiños,

Leváime á donde m’ esperan

Un-ha nay que por min chora,

Un pay que sin min n’ alenta,

Un hirman por quen daria

A sangre d’ as miñas venas,

E un amoriño á quen aIma

E vida lle prometera.

Si pronto non me levades,

¡Ay! morrerei de tristeza,

Soya n’ un-ha terra estraña,

Dond’ estraña m’ alomean,

Donde todo canto miro

Todo me dic’ ¡estranxeira!

 

iAy! miña probe casiña,

Ay! miña vaca bermella,

Años, que valás nos montes,

Pombas, qu’ arrulás nas eiras,

Mozos qu’ atruxás bailando,

Redobre d’ as castañetas,

Xás-co-rras-chás d’ as cunchiñas,

Xurre, xurre, d’ as pandeiras,

Tambor do tamborileiro,

Gaitiña, gaita gallega,

Xa non m’ alegras dicindo:

Muiñeira! muiñeira!

¡Ay quen fora paxariño

De leves alas lixeiras!

Ay! con que prisa voara

Toliña de tan contenta,

Para cantar á alborada

Nós campos da miña terra!

Agora mesmo partira,

Partira com’ un-ha frecha,

Sin medo as sombras da noite

Sin medo dá noite negra.

E que chovera ou ventara,

E que ventara ou chovera,

Voarïa, e voarïa

Hastra qu’ alcanse á vela.

Pero non son paxariño

E irey morrendo de pena

Xá en lágrimas convertida,

Xá en suspiriños desfeita.

 

Doces galleguiños aires,

Quitadoriños de penas,

Encantadores d’ as auguas,

Amantes d’ as arboredas,

Música d’ as verdes canas

Do millo d’ as nosas veigas,

Alegres compañeiriños,

Run, run de tódalas festas,

Leváime nas vosas alas

Com’ un-ha folliña seca,

Non permitás qu’ aqui morra

Airiños da miña terra,

Qu’ ainda penso que de morta

Ei de sospirar por ela.

Ainda penso, airiños aires,

Que dimpois que morta sea,

E aló pó lo camposanto

Dond’ enterrada me teñan,

Pasés na calada noite

Runxindo antr’ á folla seca,

Ou murmuxando medrosos

Antr’ as brancas calaveras,

Inda dimpois de mortiña

Airiños da miña terra,

Éivos de berrar: ¡airiños

Airiños, leváime á ela!

 

License

Cantares Gallegos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado.