petapouca
Campanas de Bastabales,
Cando vos oyo tocar,
Mórrome de soídades.
I.
Cando vos oyo tocar,
Campaniñas, campaniñas,
Sin querer torno á chorar.
* * *
Cando de lonxe vos oyo,
Penso que por min chamades,
E das entrañas me doyo.
* * *
Dóyome de dor ferida,
Qu’ antes tiña vida enteira,
Y oxe teño media vida.
* * *
Solo media me deixaron
Os que d’ aló me trouxeron,
Os que d’ aló me roubaron.
* * *
Non me roubaran, traidores,
¡Ay! uns amores toliños,
¡Ay! uns toliños amores.
* * *
Qu’ os amores xa fuxiron,
As soidades viñeron…
De pena me consumiron.
II.
Aló pó la mañanciña
Subo enriba dos outeiros,
Lixeiriña, lixeiriña.
* * *
Com’ un-ha craba lixeira,
Para oir das campaniñas
A batalada pirmeira.
* * *
A pirmeira d’ alborada
Que me traen os airiños,
Por me ver mais consolada.
* * *
Por me ver menos chorosa,
Nas sus alas má traen
Rebuldeira e queixumbrosa.
* * *
Queixumbrosa e retembrando
Por antr’ e verd’ espesura,
Por antr’ o verde arborado.
* * *
E pó la verde pradeira,
Por riba da veiga llana,
Rebuldeira e rebuldeira.
III.
Paseniño, paseniño,
Vou pó la tarde calada,
De Bastabales camiño.
* * *
Camiño do meu contento;
Y en tant’ o sol non s’ esconde,
Nun-ha pedriña me sento.
* * *
E sentada estou mirando,
Com’ á lua vay sahindo,
Com’ ó sol se vay deitando.
* * *
Cál se deita, cál s’ esconde
Mentras tanto corre á lua
Sin saberse para donde.
* * *
Para donde vay tan soya,
Sin qu’ á os tristes qu’ á miramos
Nin nos fale, nin nos oya
* * *
Que si oira e nos falara,
Moitas cousas lle dixera,
Moitas cousas lle contara.
IV.
Cada estrela, o seu diamante;
Cada nube, branca pruma,
Trist’ á lua marcha diante.
* * *
Diante marcha crarexando
Veigas, prados, montes, rios,
Dond’ ó dia vay faltando.
* * *
Falt’ ó dia, e noit’ escura
Vaixa, vaixa, pouc’ á pouco,
Por montañas de verdura.
* * *
De verdur’ e de follaxe,
Salpicada de fontiñas
Vaixo á sombra do ramaxe.
* * *
Do ramaxe donde cantan
Paxariños piadores,
Que c’ á aurora se levantan.
* * *
Que c’ á noite s’ adormecen
Para que canten os grilos
Que c’ as sombras aparecen.
V.
Corre ó vento, ó rio pasa,
Corren nubes, nubes corren
Camiño da miña casa.
* * *
Miña casa, meu abrigo,
Vanse todos, eu me quedo,
Sin compaña, nin amigo.
* * *
Eu me quedo contemprando
As laradas d’ ás casiñas
Por quen vivo suspirando.
* * *
. . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . .
Ven á noite… morre ó dia,
As campanas tocan lonxe
O tocar d’ Ave Maria.
* * *
Elas tocan pra que rece,
Eu non rezo, qu’ os saloucos
Afogandome parece
Que por min tên que rezar;
Campanas de Bastabales,
Cando vos oyo tocar,
Mórrome de soidades.
Feedback/Errata