petapouca
Castellanos de Castilla,
Tratade ben ós gallegos;
Cando van, van como rosas,
Cando vên, vên como negros.
—Cando foi, iba sorrindo;
Cando veu, viña morrendo;
A luciña d’os meus ollos,
O amantiño do meu peito.
* * *
Aquel máis que neve branco,
Aquel de doçuras cheyo,
Aquel por quen eu vivia
E sin quen vivir non quero.
* * *
Foi à Castilla por pan,
E saramagos Ile deron,
Déronlle fel, por bebida,
Peniñas por alimento.
* * *
Déronlle en fin, canto amargo
Tén a vida no seu seo…
¡Castellanos, Castellanos!
Tendes corazon de ferro.
* * *
Ay! no meu corazonciño,
Xa non pode haber contento,
Qu’ está de dolor ferido,
Qu’ está de loito cuberto.
* * *
Morreu aquel qu’ eu queria,
E, para min, n’ hai consuelo,
Sólo hai para min, Castilla,
A mala lei que che teño.
* * *
Premita Dios, Castellanos,
Castellanos que aborreço,
Qu’ ántes os gallegos morran,
Qu’ ir a pedirvos sustento.
* * *
Póis tan mal corazon tendes
Secos fillos do deserto,
Que si amargo pan vos ganan
Dádesllo envolto en veneno.
* * *
Aló van, mal pocadiños,
Todos d’esperanzas cheyos,
E volven ay! sin ventura,
Con un caudal de despreços.
* * *
Van probes, e tornan probes,
Van sans, e tornan enfermos,
Qu’ anq’ eles son como rosas,
Tratádelos coma negros.
* * *
¡Castellanos de Castilla.
Tendes corazon d’ aceiro,
Alma como as penas dura,
E sin entrañas o peito!
* * *
En trós de palla sentados,
Sin fundamentos, soberbos,
Pensás qu’ os nosos filliños,
Para servirvos naceron.
* * *
E nunca tan torpe idea,
Tan criminal pensamento
Coupo en máis fátuas cabezas
Ni en máis fátuos sentimentos.
* * *
Que Castilla e Castellanos,
Todos nun monton, a eito,
Non valen o que un-ha herbiña
D’estes nosos campos frescos.
* * *
Solo peçoñosas charcas
Detidas no ardente suelo,
Tès Castilla que humedezan
Esos teos labios sedentos.
* * *
Que o mar deixoute olvidada
E longe de ti correron,
As brandas auguas que traen,
De prantas cen semilleiros.
* * *
Nin arbres que che den sombra,
Nin sombra que preste alento…
Llanura e sempre llanura,
Deserto e sempre deserto…
* * *
Esto che tocou coitada,
Por herencia no universo,
¡Miserable fanfarrona!…
Triste herencia foi por certo.
* * *
En verdad non hay, Castilla,
Nada como ti tan feyo,
Qu’ ainda mellor que Castilla,
Valera decir inferno.
* * *
¿Por que aló foches, meu ben?
Nunca tal houberas feito,
Trocar campiños frolidos
Por tristes campos sin règo.
* * *
Trocar tan craras fontiñas,
Rios tan murmuradeiros,
Por seco polvo que nunca,
Mollan as bágoas do ceo.
* * *
Mas ay! d’ onde a min te foches
Sin dor meu sentimento,
y aló á vida che quitaron,
Aló a mortiña che deron.
* * *
Morreches, meu quiridiño,
E para min n’ hay consuelo,
Qu’ ond’ ántes te via, agora
Ja sólo un-ha tomba vexo.
* * *
Triste com’ a mesma noite,
Farto de dolor o peito,
Pídolle á Dios que me mate,
Por que xá vivir non quero.
* * *
Mais en tanto no me mata,
Castellanos qu’ aborreço,
Hei, para vergonza vosa,
Héivos de cantar gemendo.
* * *
¡Castellanos de Castilla
Tratade ben ôs gallegos;
Cando van, van como rosas
Cando vên, vên como negros!
Feedback/Errata