3

petapouca

—Dios bendiga todo, nena;

Rapaza, Dios te bendiga,

Xa que te dou tan grasiosa,

Xa que te dou tan feitiña,

Qu’ anque andiven moitas terras,

Qu’ anque andiven moitas vilas,

Coma ti non vin ningunha

Tan redonda e tan bonita.

¡Ben haya quen te pariu!

iBen haya, amen, quen te cria!

 

—Dios vos garde, miña vella,

Gárdevos Santa Mariña,

Qu’ a bofé sós falangueira,

Falangueira e ben cumprida.

 

—Meniña, por ben falada

Ningunha se perderia,

Cóllens’ antr’ os paxariños

Aqueles que mellor trian,

Morre afogado antr’ as pallas

O pitiño que non chia.

 

—Pois si vos foras pitiño,

Dígovos miña velliña,

Que dese mal non morreras,

Que chiar ben chiarías.

 

—Ay! que si non de min fora

Miña filla, miña filIa!

Sin agarimo no mundo

Desde que nasin orfiña,

De port’ en porta pedindo

Tiben que pasar á vida.

E cand’ á vida se pasa

Cal vida de pelegrina,

Que busca pelegrinando

O pan de tódolos dias,

De cot’ en lares alleos,

De cot’ en estrañas vilas,

Hay que deprender estonces

Por no morrer coitadiña,

A ó pé d’ un valo tumbada,

E de todos esquencida,

O chio dos paxariños,

O recramo das pombiñas,

O ben falar que comprase

A humildá mansa qu’ obriga.

 

—Moito sabés, miña vella,

Moito de sabiduria!

¡Quen pudera correr mundo

Por ser como vos sabida!

Qu’ anque traballos se pasen

Aló pó las lonxes vilas,

Tamén ¡que cousas se saben!

Tamén ¡que cousas se miran!

 

—Mais val que nás mires nunca,

Qu’ estonces te perderías:

O qu’ ó sol mirar precura

Logo quedará sin vista!

 

—Dirés verdá, miña vella,

Mais craras as vosas niñas,

Emprestouvos hastr’ agora

Groriosa Santa Lucia.

 

—Moita devoçon lle teño

Miña santiña bendita!

Mais non sempr’ as niñas craras

Son proba de craras vistas.

Moitas eu vin com’ á augua

Que corr’ antr’ as penas frias

Gorgorexando de paso,

Sereniña, sereniña,

Qu’ antre tiniebras pousaban,

Qu’ antre tiniebras vivian,

Nas tiniebras d’ os pecados

Que son as mais escondidas.

 

—Si de pecados falades,

E pan qu’ onde queir’ espiga,

En tódalas partes crese,

En todas partes se cria,

Mais uns son cor de veneno,

Outros de sangre runxida,

Outros com’ á noite negros

Medran c’ as lurpias dañinas,

Qu’ os paren entr’ ouro e seda

Arrolados pó l’ envidia,

Mantidos pó la luxuria,

Mimados pó la cobiza.

 

—«Quen ven está, ven estea.»

Déixat’ estar, míña filla,

Nin precures correr mundo

Nin tampouco lonxes vilas,

Qu’ ó mundo dá malos pagos

A quen lle dá prendas finas,

E nas vilas mal fixeras

Qu’ á aqui facer non farias,

Qu’ anque ese pan valorento

En todas partes espiga,

Nunhas apoucado crese,

Noutras medra qu’ adimira.

 

—Falás com’ un abogado,

E calquera pensaria

Que deprendestes nos libros

Tan váreas palabrerias.

Todiñas tan ven faladas,

Todiñas tan entendidas:

E tal medo me puñeches

Que xa d’ aqui non sahira

Sin levar santos escritos

E medalliñas benditas

Nun lado do meu xustillo

Xunto d’ una negra figa,

Que me librasen das meigas

E mais dás lurpias dañinas.

 

—Que te libren de ti mesma,

Pidelle á Dios, rapariga,

Que somos nós para nós

As lurpias mais enemigas.

Mais xá ven á noite vindo

Co seu manto d’ estreliñas,

Xa recolleron ó gando

Que pastaba na curtiña,

Xa lonx’ as campanas tocan,

Tocan as Ave-Marias,

Cada conexo á ó seu tobo

Lixeiro, lixeiro tira,

Qu’ é mal compañeiro á noite

Si á compañeiro s’ obriga.

Mas ay! qu’ eu non teño tobo

Nin burata conocida,

Nin tellado que me cruba

Dos ventos da noite fria.

iQue vid’ á dos probes, nena!

Que vida, qu’ amarga vida!

Mais noso Señor foi probe,

¡Qu’ esto d’ alivio nos sirva!

 

—Amen, miña vella, amen;

Mais pó las almas benditas

Oxe dormirés n’ un leito

Feito de palliña triga,

Xunta do lar que vos quente

Cá borralliña encendida,

E comerés un caldiño

Con patacas e nabizas.

 

—Bendito sea Dios, bendito,

Bendit’ á Virxe Maria

Que con tanto ben m’ acode

Por unha man compasiva!

O Señor che dé fortuna

Con moitos anos de vida,

Volvansech’ as tellas d’ ouro,

As pedras de prata fina,

E cada gran seu diamante

Che se volva cada dia!

Y agora, miña rapaza,

Por qu’ un pouco t’ adivirtas

Bailando c’ as compañeiras

Que garulan ná cociña,

Eiche de contar historias,

Eiche de cantar copriñas,

Eíche de tocar as cunchas,

Miña carrapucheiriña.

 

License

Cantares Gallegos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado.