33

Dixome nantronte ó Cura,

Qu’ é pecado…

Mais aquel de tal fondura

Como ó facer desbotado.

 

Dalle que dalle ó argadelo,

Noite é dia,

E pensa e pensa n’ aquelo,

Porfía que te porfía…

 

Sempre malla que te malla,

Enchendo á cunca,

Porque ó que ó diancre traballa

Din que acaba tarde ou nunca.

 

Canto mais digo ¡arrenegado!

¡Demo fora!

Mais ó demo endemoncrado,

M’ atenta dempois y agora.

 

Mais ansias teño, mais sinto,

¡Rematada!

Que non me queira Jacinto,

Nin solteira, nin casada.

 

Porque d’ este, ou d’ outro modo,

A verdá digo,

Quixera atentalo e todo,

Como m’ atenta ó enemigo.

 

Que é pecado… miña almiña!

Mais que sea ;

¿Cal non vay, s’ é rapaciña,

Buscando ó que ben desea?

 

Nin podo atopar feitura

Nin asento,

Que me está dando amargura,

Sempre este mal pensamento.

 

Din que parês lagarteiro

Desprumado,

S’ é verdad, ¡meu lagarteiro

Tén-m’ ó coraçon prendado!

 

Cara de pote fendido,

Ten d’ alcume;

Mellor que descolorido

Queró o tostado do lume.

 

S’ elas calente miraran,

Meu amore,

Nin toliña me chamaran,

Nin ti me fixeras dore.

 

Vino unha mañan d’ orballo,

 mañecida,

Durmindo ô pé d’ un carballo,

Enriba d’ a erba mollida.

 

Arrimeime paseniño

A sua veira,

E sospiraba mainiño

Coma brisa mareeira.

 

E tiña á boca antr’ aberta,

Com’ un neno,

Que mirand’ ó ceu desperta

Deitadiño antr’ ó centeno.

 

Y as guedellas enrisadas

Lle caian,

Cal obellas en manadas,

Sobre as froliñas qu’ abrian.

 

¡Meu Dios! ¡quen froliña fora,

Das d’ aquelas…

Quen as erbas qu’ en tal hora,

O tiñan pretiño d’ elas!

 

¡Quen xiada, quen orballo,

Qu’ ó mollou!

¡Quen aquel mesmo carballo

Que c’ as pónlas ó abrigou!

 

Mentras qu’ asi ó contempraba.

Rebuleu,

E pensei que m’ afogaba,

O corazonciño meu.

 

Bate que bate, batia

Sin parar,

Mais eu tembrando decia,

Agora ll’ ei de falar.

 

E volveu á rebulir

Moy paseniño ,

¡Ay! e votei á fuxir,

Lixeira pó-lo camiño.

 

Dempois chora que te chora

Avergonzada,

Dixen : —S’ el non me namora,

Non lle direi nunca nada.

 

E non me namora, non

¡Maldizoado!

Mentras ó meu coraçon

Quérelle anque sea pecado.

 

E vai tras d’ outras mociñas,

Tan contento,

Y eu, con unhas cadiñas

Prendino ô meu pensamento.

 

E que queira, que non queira,

Está comigo,

Y á postre, y á derradeira,

Con él m’ atenta ó enemigo.

 

¡Sempre malla que te malla

Enchendo á cunca!

Y é qu’ é qu’ ó demo traballa,

Acabará tarde ou nunca.

 

Por eso, an qu’ ó Cura dixo

Qu’ é pecado,

Mal que tanto mal me fixo,

Nunca ó darei desbotado.

License

Cantares Gallegos Copyright © by Rosalía de Castro and Castro, Rosalía de. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado.