31

petapouca

Eu cantar, cantar, cantei,

A grasia non era moita,

Que nunca, (delo me pesa)

Fun eu meniña grasiosa.

Cantei como mal sabía

Dándolle reviravoltas,

Cal fán aquês que non saben

Direitamente un-ha cousa.

Pero dempois paseniño,

Y un pouco mais alto agora

Fun votando as miñas cántigas

Como quen non quer á cousa.

Eu ben quixera, é verdade,

Que mais boniteiras foran,

Eu ben quixera que nelas

Bailase ó sol c’as palomas

As brandas auguas c’ á luz

Y os aires mainos c’ as rosas.

Que nelas craras se visen

A espuma d’ as verdes ondas,

Do ceu as brancas estrelas

Da terr’ as prantas hermosas.

As niebras de cor sombriso

Qu’ aló nas montañas volan,

Os berros do triste moucho

As campaniñas que dobran,

A primadera que rie

Y os paxariños que voan,

Canta que te canta, mentras

Os coraçons tristes choran.

Esto e inda mais, eu quixera

Desir con lengua grasiosa;

Mas donde á grasia me falta

O sentimento me sobra,

Anqu’ este tampouco abasta

Para espricar certas cousas,

Qu’ á veces por fora un canta

Mentras que por dentro un chora

Non me espriquei cal quixera

Pois son de espricansa pouca;

Si grasia en cantar non teño

O amor da pátria m’ afoga.

Eu cantar, cantar, cantei,

A grasia non era moita,

¡Mais que faser desdichada

Si non nacin mais grasiosa!

License

Cantares Gallegos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado.