24

petapouca

—Meniña, ti á mais hermosa

Qu’ á luz do sol alumbrara,

Ti á estrela da mañanciña

Qu’ en puras tintas se baña,

Ti á frol d’as froridas cumbres,

Ti á ninfa d’ as frescas auguas,

Ti como folla do lirio

Branca, pura e contristada,

¿Quen eres fada sin nome

De tan dormentes miradas

De tan dorida sonrisa

De feituriña tan cándida?

Quisais de muller naceches

Sendo tan limpa e tan casta?

Quisais d’ as brisas da tarde

Quisais d’ as bretemas vagas…

D’ as burbulliñas d’ un rio,

Quisais d’ un-ha nube branca?

Ou as espumas do mare

A un rayo de sol xuntadas

Pousaronte ô ser d’ aurora

Nun-ha cunchiña de nacra?

Mais d’ onde queira que seas

Tristisima pasionaria

Por ti sinto un amor puro

Que pouco á pouco me mata.

Por ti de noite e de dia

Cal vaga sombra encantada,

Preto do teu vivir ximo

Ximo c’ os ventos que pasan

Facendo vibrar sonoras

Sentidas cordas d’ un arpa,

Que con ecos tembradores

D’ os meus amores che falan.

Mais dime ¿por qu’ estás muda,

Di por qu’ estás solitaria,

Di por que vives nos montes

C’ os paxariños que cantan,

Mentras ti choras e choras

O pe d’ un olmo sentada

Toda de loito cuberta,

Toda cuberta de lágrimas.

 

—Déixame vivir nos montes

Déixaim’ estar solitaria

Déixame c’ os paxariños

Qu’ en derredor de min cantan.

Déixame vestir de loito

Cuberta por tristes vagoas,

Y eco de homes non escoite

Nin son d’ armoniosas arpas,

Qu’ eses sons d’ amor e vida

Rompen as miñas entrañas.

Si d’ eles galan por sorte

Doce consolo arrancaras

Para un dor que non ten cura

Para un mal que non s’ acaba.

Si ô seu vibrar sonoroso

As tombas se levantaran

Y o polvo que nelas mora

Volto a vivir s’ axitara!…

Mais cala, galan… non toques

As soaves cordas d’ un arpa

Que nin dá vida ôs que morren

Nin as tristes tombas levante.

Cala galan, c’ os cantares

Que con pasion d’ amor cantas,

Qu’ os meus amores morreron

Y aló antre tombas m’ agardan.

Para min morreu á dicha,

Morreu tamen á esperanza,

Cubreuse ó seu de tristura

Y á terra d’ ásperas prantas.

Déixame vivir nos montes

Déixam’ estar solitaria

Déixame vestir de loito

Cuberta d’ amargas lágrimas.

Qu’ á rula que viudou

Xurou de non ser casada,

Nin pousar en ramo verde

Nin beber da yagua crara.

License

Cantares Gallegos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado.