Limiar

O ethos romántico gustaba moito do rescate dos valores culturais dos pobos europeos, estivesen constituídos ou non en estados políticos, porque o que importaba era realmente asentar a dimensión cultural das nacións. Descubrir a terra propia, cantar as belezas da patria ou converter en lingua literaria a fala popular foron algunhas das apostas desta ancha xeración de autores do romanticismo. No caso de Galicia houbo ilustres pioneiros, pero ningún autor tivo o «grande atrevemento» de que fixo gala Rosalía de Castro, cando decidiu escribir e dar a lume en 1863 Cantares gallegos, colocando, deste modo, a primeira pedra angular do Rexurdimento cultural da Galicia contemporánea.

Rosalía de Castro (1837-1885), escritora vocacional, intelixente e culta, sensible fronte á inxustiza, de espírito libre e crítico, aberta defensora da igualdade, estaba construíndo hai cento cincuenta anos os alicerces literarios e culturais de Galicia como unha nación-cultura. A poeta deu pasos decisivos para o rescate e a reivindicación da lingua na súa expresión popular máis prístina, para a defensa e a reivindicación da Galicia, «a miña infeliz patria», que nos anos centrosos do século XIX comezaba a ser consciente da súa situación. Nese tempo histórico apareceu Cantares gallegos, imprentado na cidade de Vigo por Juan Compañel. Constitúe unha defensa da dignificación da lingua e da patria galega, que foi, en palabras da propia autora, o «móvil principal que me impeleu a pubricar este libro». Que se trataba dunha obra auroral era patente para Rosalía e para o seu home, Manuel Murguía. Pero se Murguía quixo fundamentar a identidade de Galicia nas súas raíces étnicas, a obra de Rosalía foi aínda máis audaz, ao entender que cos seus versos estaba a transformar as vellas «parolas» e «tertulias» dos textos literarios do prerrexurdimento nunha obra singular e culta, pero con raíces populares. Como ela mesma anota, tivo «o maior coidado en reprodusir o verdadeiro esprito do noso pobo». Esta é a mensaxe central dunha figura tamén central da cultura literaria galega contemporánea, que escribía na ignorancia da brillante poesía medieval galaico-portuguesa.

Agora, pasado século e medio, presentamos esta edición facsimilar de Cantares gallegos para que estes versos poidan ser, se cabe, máis coñecidos e novamente lidos, cantados e reinterpretados á luz dos problemas de hoxe. A estatura histórica de Rosalía foi xa grande en vida e foise agrandando co paso do tempo. As súas cinzas, aínda algo quentes no cemiterio da Adina, foron trasladadas a Compostela en 1891 como fito inicial do que, algo inxustamente para ela, se chamou panteón de «galegos ilustres». Nos tempos de hoxe podemos dicir que temos nesta poeta a verdadeira nai fundadora da Galicia contemporánea. E o libro Cantares gallegos abondaría de pedestal para soster esta inmensa estatua.

Ramón Villares

Presidente do Consello da Cultura Galega

License

Cantares Gallegos Copyright © by Rosalía de Castro and Castro, Rosalía de. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado.